una reseña (en gallego) de “ética extramuros”… ¡gracias, manu!

https://www.elsaltodiario.com/saber-sustentar/simios-avariados-nazis-bos-orfos

De simios avariados, nazis e bos orfos

 “Ética extramuros” constitúe un tratado básico de filosofía moral para navegar o Século da Gran Proba.
Cubierta_Etica_extramuros_pequeña

COORDINADOR DO INSTITUTO RESILIENCIA

 PUBLICADO
2019-08-01 07:48

En 2016 publicouse, baixo o título de Ética extramuros, a segunda edición actualizada e revisada de Interdependientes y ecodependientes: Ensayos desde la ética ecológica (y hacia ella), obra dun dos principais pensadores españois acerca da crise ecosocial e do colapso civilizatorio, Jorge Riechmann. Autor dunha prolífica obra no ámbito do ensaio e da poesía, este matemático e profesor de filosofía moral na Universidade Autónoma de Madrid é promotor do manifesto Derradeira Chamada e un dos referentes básicos do pensamento ecoloxista e da esquerda anticapitalista en España, e reúne neste ensaio, repleto de notas e de citas in extenso, os elementos básicos para unha ética ecolóxica. Esa ética alén dos muros da cidade humana á que fai referencia o título, é a que nos interpela acerca do noso comportamento co resto de seres vivos e coa biosfera no seu conxunto. A mensaxe fundamental da obra é: precisamos con urxencia ampliar a nosa “comunidade moral” para abranguer a nosa relación co resto da vida, así como coas xeracións futuras, se queremos ter unha oportunidade de sobrevivir ao que o autor vén chamando desde hai tempo El Siglo de la Gran Prueba(Baile del Sol, 2013).

Para o autor, esta ética é inseparable da política, e só pode conducir a unha conclusión: é moralmente necesario desbotar o capitalismo (“cancro da biosfera”) e camiñar cara a algunha forma de ecosocialismo; aínda que no libro apenas se ofrecen algunhas pinceladas do que podería significar isto na práctica, e precisamos acudir a outras obras súas como Ni tribunos (Siglo XXI, 1996), Biomímesis (Los libros de la catarata, 2006), El socialismo puede llegar sólo en bicicleta (Los libros de la catarata, 2012) ou Ecosocialismo descalzo (Icaria, 2018) para coñecelo máis en detalle. De feito, o libro, malia a súa extensión, apenas constitúe unha iniciación para toda persoa interesada nos aspectos éticos, filosóficos, políticos ou mesmo espirituais da crise sistémica / colapso civilizatorio que caracteriza o noso excepcional tempo histórico. E non pode ser doutra maneira, pois a magnitude do reto antropolóxico que temos ante nós os seres humanos actuais non cabe nun libro, por moi completo que este for, como é o caso de Ética extramuros. Riechmann fainos de sabio guía neste incipiente camiñar, acompañándonos coa súa nidia prosa por unha biodiversa paisaxe intelectual onde nos presenta os principais textos e autores que nos achegan conceptos clave para unha ética que parta dunha comprensión profunda da gravidade da situación e que poida e queira actuar para, cando menos, aprender a “fracasar mellor” (Olifante, 2013) e “vivir como bos orfos” (Los libros de la catarata, 2017) tras a morte de Deus que nos anunciara Nietzsche.

Así, entre as ideas que van enfiando as reflexións de Riechmann ao longo do libro, hai algunhas que sobresaen e axudan a alumear o resto. Unha delas é a nosa condición de “terceiro chimpancé” (Jared Diamon) xunto cos nosos primos chimpancés e bonobos (Frans de Waal), que serven de arquetipos morais para ilustrar o peor e o mellor do que nos caracteriza como primates ontoloxicamente contraditorios, ambivalentes, o cal nos convida a superar o secular debate entre as posicións rousseaunianas (o bo salvaxe) e hobbesianas/neodarwinistas (a guerra de todos contra todos). Outra é a remisión constante a un dos feitos moralmente máis terribles da historia da nosa especie (xunto coa bomba atómica, que marca, por certo, o comezo do Antropoceno): o Holocausto, ollado principalmente a través de Zygmunt Bauman e Primo Levi. Porque precisamente o gran dilema ético que temos ante nós é o de “un mundo de amos e escravos” ou “un mundo de iguais”, isto é: a “barbarie” ou a “civilización” (no seu mellor sentido, claro está; o autor reflexiona sobre este ambiguo concepto na parte final do libro).

Ética extramuros inclúe, así mesmo, un extenso repaso sobre o coñecemento científico básico para entender a situación na que nos achamos (con especial fincapé na mudanza climática, mais tamén no teito dos combustibles fósiles e no “holocausto biolóxico”), onde nos xogamos a supervivencia non só dalgún tipo de civilización digno de tal nome, senón a propia continuidade da especie. Tamén ofrece unha especie de introdución didáctica e histórica ás preguntas básicas da Ética. A partir destas premisas, prosegue analizando os condicionantes psicolóxicos e mesmo neurolóxicos (como tamén fai outro filósofo do colapso: Jordi Pigem) da nosa moralidade, o que de bo e de malo arrastramos da nosa evolución como “simios avariados” e desde a nosa época de recolectores-cazadores.

Da peneira de Riechmann resultan identificados tres grandes males morais que é imprescindible resolvermos neste intre decisivo da nosa especie: a xenofobia, a dominación e a hybris (a arrogante desmesura, que xa era o maior pecado na Grecia clásica). A proposta de Riechmann é combatelos a base de igualdade/xustiza, autocontención (o autor ten publicada unha pentaloxía ao redor deste concepto), “reverencia pola vida” (Albert Schweitzer, deixar de matar/danar), empatía e ecosocialismo+ecofeminismo, guiado todo por unha conciencia humilde de especie que supere a nosa desconexión da vida, o “antropocentrismo moral excluínte”, os mandatos do noso cerebro reptiliano (foodfuckfight/flight…), o wishful thinking, a hybris, o nihilismo (“no corazón mesmo da nosa cultura”), o “narcisismo de especie”, a “moralidade natural” limitada ao grupo pequeno (endogrupo, tribo), así como os atrancos para a percepción da nosa inter/ecodependencia que constitúen a cidade, o diñeiro e o ciberespazo; e, por suposto, sen esquecer as supersticións da relixión hexemónica no presente: a tecnolatría/mercadolatría, que nos leva ás suicidas ensoñacións de colonizar Marte ou de facernos inmortais mediante a Singularidade e o Transhumanismo. Malia todo o tráxico humanismo que transpiran as páxinas de Riechmann, o autor ofrece finalmente motivos “contra a desesperanza, pero sen autoenganos”: “hai unha razón de fondo para confiar no futuro do socialismo: somos primates ultrasociais”. Un importante argumento antropolóxico sobre o que fundar esta “moral de longa distancia” que precisamos e as políticas ás que nos debería conducir.